O Concello de Oroso inicia a campaña anual de limpeza das pistas forestais nas parroquias do municipio
O Concello de Oroso vén de iniciar os traballos de limpeza e roza das marxes das pistas forestais, unha actuación que se desenvolverá ao longo das próximas semanas en diferentes parroquias do municipio co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, facilitar o acceso ás explotacións agrícolas e forestais e contribuír á prevención de incendios.
Nesta primeira fase, as actuacións levaranse a cabo nas parroquias de:
- Villarromarís
- Senra
- Cardama
- Os Ánxeles
- Pasarelos
- San Román
- Marzoa
Os traballos consisten na eliminación da vexetación que invade as marxes dos camiños, mellorando a visibilidade, favorecendo a circulación de vehículos e maquinaria agrícola e facilitando tamén o acceso dos servizos de emerxencia en caso de ser necesario.
Esta campaña forma parte do programa de mantemento da rede viaria municipal que o Concello desenvolve periodicamente para conservar en boas condicións os camiños e pistas forestais, especialmente durante os meses de verán, cando o crecemento da vexetación é maior e aumenta o risco de incendios forestais.
Chamamento á colaboración da veciñanza
Co fin de evitar incidencias durante a execución dos traballos, o Concello solicita a colaboración das persoas propietarias de parcelas situadas nas marxes das pistas forestais.
En concreto, recoméndase sinalizar de forma visible os marcos ou lindes das fincas, especialmente aqueles que poidan quedar ocultos pola vexetación, para evitar que a maquinaria os desprace ou dane accidentalmente durante as tarefas de limpeza.
Así mesmo, agradécese a comprensión da veciñanza polas posibles molestias puntuais que poidan ocasionar estes traballos, necesarios para garantir o correcto mantemento da rede de camiños municipais.
Desde o Concello de Oroso reafírmase o compromiso de seguir investindo na conservación das infraestruturas rurais e na mellora dos servizos que se prestan nas parroquias, contribuíndo á seguridade, á mobilidade e ao coidado da contorna natural do municipio.
O Concello agradece de antemán a colaboración da veciñanza para o bo desenvolvemento desta campaña de limpeza e roza das pistas forestais.


