Oroso celebra os 100 anos de Herminia Costa Mallón, unha nova centenaria do municipio

O alcalde de Oroso, Álex Doval, durante a visita a Herminia Costa Mallón con motivo do seu centenario.

Oroso celebrou hoxe o centenario de Herminia Costa Mallón, unha veciña que chega aos 100 anos de idade rodeada da súa familia e do agarimo de toda a veciñanza.

Nacida en Vilar de Céltigos, na parroquia de Santa Comba, Herminia leva xa máis de dúas décadas vivindo en Sigüeiro, onde construíu unha parte importante da súa vida e onde continúa residindo na actualidade xunto á súa filla Minucha, o seu xenro e dous dos seus netos.

Ao longo destes cen anos, Herminia foi protagonista dunha vida marcada polo traballo, o esforzo e a dedicación á súa familia. Tivo catro fillos e un afillado ao que considera como un fillo máis, formando unha ampla familia que hoxe quixo acompañala e celebrar con ela unha data tan especial.

A súa traxectoria vital estivo especialmente vinculada á costura e ao traballo no campo, dous oficios que formaron parte do seu día a día durante moitos anos. Unha vida de traballo e sacrificio que representa tamén a historia de toda unha xeración que contribuíu, co seu esforzo, a construír a sociedade e os municipios que hoxe coñecemos.

Con motivo deste aniversario tan especial, o alcalde de Oroso, Álex Doval, achegouse esta mañá ata o domicilio de Herminia para felicitala persoalmente e facerlle chegar o agarimo e os parabéns de toda a veciñanza de Oroso.

Durante o encontro, o rexedor trasladoulle o recoñecemento do Concello e destacou o valor que teñen persoas como Herminia, que ao longo dun século foron testemuñas directas da transformación da sociedade e gardan na súa memoria parte da historia recente de Galicia.

Sete persoas centenarias en Oroso

Coa chegada de Herminia aos 100 anos, Oroso conta xa con sete persoas que igualan ou superan o século de vida, un dato que supón un motivo de orgullo para o municipio e que pon en valor a importancia das relacións familiares, sociais e comunitarias.

Cada persoa centenaria representa unha historia única, pero tamén unha oportunidade para lembrar e recoñecer o legado das xeracións que nos precederon. Son persoas que viviron profundas transformacións sociais, económicas e tecnolóxicas e que acumulan experiencias e lembranzas que forman parte da memoria colectiva de Oroso.

Desde o Concello de Oroso queren trasladar a Herminia, á súa familia e ás persoas que a acompañan neste día tan especial os mellores desexos nesta celebración.

Parabéns, Herminia, polos teus 100 anos!

Compartir: