A Semana Cultural de Oroso arrinca cunha xornada de diversión no Aquapark e ofrecerá propostas para todos os públicos
A Semana Cultural de Oroso 2026 botou a andar hoxe coa excursión ao Aquapark de Cerceda, unha das actividades especialmente pensadas para que a rapazada poida desfrutar dunha xornada diferente durante o verán.
Desde primeira hora, as persoas participantes desprazáronse ata o parque acuático para gozar das piscinas, tobogáns e diferentes espazos de lecer, nunha xornada de diversión e convivencia que serve como punto de partida para unha programación que se prolongará ata o 4 de setembro. A actividade contou con prazas limitadas e prioridade para menores de idade e persoas empadroadas no Concello.
A Semana Cultural, organizada polo Concello de Oroso, combina espectáculos de maxia, actividades acuáticas, circo, clown e comedia, con propostas dirixidas a todos os públicos e pensadas para desfrutar en familia durante o final do verán.
Un programa para gozar en familia
A programación continuará o martes 25 de agosto, ás 19:00 horas, coa chegada ao exterior da Piscina Municipal do espectáculo Gota, de Txema Muñoz. Trátase dunha proposta de maxia dirixida a todos os públicos que permitirá achegar o ilusionismo á veciñanza nun ambiente ao aire libre.
O venres 28 de agosto será unha das xornadas máis refrescantes da programación. A Piscina Municipal acollerá unha sesión de inchables, de 11:00 a 13:30 e de 15:30 a 17:30 horas, con entrada de balde.
A diversión continuará ás 18:00 horas coa Festa da Escuma, tamén na Piscina Municipal e con entrada gratuÃta. Desde o Concello lémbrase que esta actividade non está recomendada para menores de 4 anos.
Xa no mes de setembro, o mércores 2, ás 19:00 horas, o exterior da Piscina Municipal converterase novamente nun escenario para acoller Woof, de Pere Hosta, un espectáculo de clown, paiaso e comedia dirixido a todos os públicos.
A Semana Cultural chegará ao seu remate o venres 4 de setembro, tamén ás 19:00 horas, coa proposta Kalabazi, de Jessica Arpin, un espectáculo que combina circo e clown e que se desenvolverá no exterior da Piscina Municipal.
Unha programación pensada para gozar do verán
Con esta programación, o Concello de Oroso aposta por unha Semana Cultural diversa e aberta á participación, combinando actividades especificamente dirixidas á rapazada con espectáculos familiares dos que poderá desfrutar toda a veciñanza.
A proposta permite ademais aproveitar diferentes espazos municipais, especialmente a Piscina Municipal, que durante estas semanas se converterá tamén nun escenario cultural e de lecer, favorecendo a utilización dos espazos públicos e creando puntos de encontro para familias e veciñanza.
Desde o Concello de Oroso queremos animar a toda a cidadanÃa a participar nas actividades programadas e a desfrutar dunha Semana Cultural que combina diversión, cultura, espectáculos e convivencia.
Todas as actividades da programación son gratuÃtas e os espectáculos están dirixidos a todos os públicos. Consulta a programación completa da Semana Cultural 2026.


