O CEIP Plurilingüe de Sigüeiro busca persoal colaborador para o servizo de comedor escolar

Persoal colaborador CEIP Plurilingüe de Sigüeiro

O CEIP Plurilingüe de Sigüeiro realiza unha chamada para incorporar persoal colaborador de apoio ao servizo de comedor escolar, co obxectivo de reforzar a atención e a vixilancia do alumnado durante o horario do xantar.

O Concello de Oroso colabora na difusión desta convocatoria para facilitar que a información chegue ao maior número posible de persoas interesadas e contribuír así a que o centro poida contar co persoal necesario para prestar este servizo con todas as garantías.

As persoas seleccionadas desenvolverán o seu labor no horario comprendido entre as 13:20 e as 15:45 horas, participando nas diferentes tarefas relacionadas coa atención e coidado do alumnado durante o período de comedor.

Entre as funcións do persoal colaborador estarán a atención e vixilancia dos nenos e nenas antes e despois do xantar, o apoio durante a comida e o aseo, así como o fomento de hábitos adecuados de alimentación e hixiene e de pautas de convivencia entre o alumnado.

Como compensación polo servizo, establécese unha retribución de 12,50 euros por cada día traballado, que será aboada ao final de cada trimestre. Ademais, as persoas colaboradoras dispoñerán de comida gratuíta, correspondente ao mesmo menú que recibe o alumnado do centro.

Desde o Concello de Oroso considérase fundamental garantir un adecuado acompañamento dos nenos e nenas durante o horario de comedor, un período que, ademais de cubrir as necesidades de alimentación, constitúe tamén un importante espazo educativo no que se traballan hábitos de autonomía, hixiene, alimentación e convivencia.

Información para as persoas interesadas

As persoas que desexen obter máis información ou presentar a súa dispoñibilidade para colaborar co servizo poden contactar directamente co CEIP Plurilingüe de Sigüeiro a través dos seguintes medios:



O Concello de Oroso agradece a colaboración da veciñanza na difusión desta convocatoria, co obxectivo de contribuír a que o centro poida completar o persoal necesario para o correcto funcionamento do servizo de comedor escolar.

Compartir: