Continúa o asfaltado integral de Sigüeiro con novas actuacións na rúa do Concello e Río Lengüelle
Os traballos forman parte dun investimento de 285.416 euros para a renovación de diferentes vías e espazos do núcleo urbano
O Concello de Oroso continúa avanzando no plan de mellora e renovación da rede viaria de Sigüeiro. A partir de mañá, 30 de setembro, os traballos de asfaltado integral trasladaranse a novas zonas do casco urbano, concretamente á rúa do Concello e á rúa Río Lengüelle.
Esta nova fase dá continuidade ás actuacións executadas durante o mes de setembro na contorna da praza Alexandre Bóveda, onde xa se renovou o pavimento da rúa Castaño, rúa Travesa, rúa do Medio, rúa Mediodía, rúa da Insúa e do carril auxiliar da avenida de Compostela.
Un plan para renovar diferentes rúas de Sigüeiro
As actuacións forman parte dun proxecto de mellora da rede viaria de Sigüeiro cun investimento de 285.416,20 euros, que contempla a renovación do pavimento de numerosas vías do núcleo urbano. Entre as rúas incluídas no proxecto figuran Portiño, Rosalía de Castro, Onda, Carracide, Travesa, do Medio, Mediodía, Camiño Inglés, da Cultura, Pablo Iglesias, do Concello, Lengüelle, do Deporte, Castaños e do Tambre, así como o ramal da rúa Río Maruzo e a rúa María Casares, na urbanización Porto Avieira.
O proxecto contempla tamén actuacións de mellora en espazos vinculados á mobilidade e ao estacionamento, como o aparcadoiro do Centro Cívico e o aparcadoiro da rúa Tosca, ademais de intervencións puntuais en accesos e conexións viarias.
Novos traballos a partir do 30 de setembro
Tras a actuación realizada na contorna da praza Alexandre Bóveda, os equipos trasladaranse agora á rúa do Concello e á rúa Río Lengüelle, permitindo continuar de maneira progresiva coa renovación do firme no centro urbano.
Durante a execución será necesario realizar cortes e restricións puntuais de tráfico nas zonas afectadas. Desde o Concello recoméndase á veciñanza planificar os desprazamentos con antelación e atender á sinalización instalada durante o desenvolvemento dos traballos.
O Goberno municipal agradece a colaboración e comprensión da veciñanza ante as molestias que estas actuacións poidan ocasionar, lembrando que se trata de intervencións necesarias para mellorar o estado do pavimento, a seguridade e a comodidade dos desprazamentos.
Con estas obras, o Concello continúa avanzando na renovación progresiva do viario de Sigüeiro, dando resposta ás necesidades de diferentes zonas do núcleo urbano e mellorando unhas infraestruturas fundamentais para a vida diaria da veciñanza.
O asfaltado continuará desenvolvéndose por fases, co obxectivo de renovar progresivamente as rúas incluídas no proxecto e seguir mellorando Sigüeiro.


