O auditorio do Centro Cultural acollerá desde o 3 de febreiro o ciclo “HumOroso”
Carlos Blanco, Federico Pérez e Marcos Pereiro, Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro, e David Perdomo protagonizarán os catro espectáculos de humor
As entradas custarán 10 euros e a recadación doarase integramente ás asociacións ASANOG, Andaina Pro Saúde Mental, Asperga e Alcer Coruña
O novo auditorio do Centro Cultural Fernando de Casas Novoa de Sigüeiro acollerá os venres 3, 10 e 17 de febreiro e o venres 3 de marzo o primeiro ciclo de monólogos e espectáculos de humor “HumOroso”, que contará coa participación de artistas galegos de renome como Carlos Blanco; Federico Pérez e Marcos Pereiro; Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro; e David Perdomo.
Esta primeira edición do “HumOroso” foi presentada este mediodía no escenario do propio auditorio, nun acto que contou coa participación do alcalde, Luis Rey; os concellerios Antonio Leira, Beatriz Rodeiro e Isabel Fernández; o actor e humorista Federico Pérez, e as artistas e monologuistas Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro. Ademais, tamén asistiron representantes das asociacións ás que se doará integramente a recadación das entradas, que custarán 10 euros e que poderán retirarse no Centro Cultural -cun máximo de dúas por persoa- cada martes anterior aos espectáculos.
Así, para o espectáculo "Os mellores monólogos” de Carlos Blanco, que terá lugar o venres 3 de febreiro ás 20.30 horas, as entradas poderán retirarse o martes 31 de xaneiro ás 20.00 horas e a recadación doarase á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). O venres seguinte, 10 de febreiro, o espectáculo “Os Tristes”, protagonizado por Federico Pérez e Marcos Pereiro, terá lugar ás 20.30 horas e as entradas poderán retirarse o martes 7 de febreiro, ás 20.00 horas. A recadación desta función será para o colectivo Andaina Pro Saúde Mental.
O terceiro venres de febreiro, día 17, serán Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro quen protagonizarán o espectáculo “Sen restricións”, a partir das 20.30 horas.
As entradas poderán retirarse no propio Centro Cultural o martes 14 de febreiro ás 20.00 horas e a recadación entregarase á Asociación Galega de Asperger (Asperga). Finalmente, o venres 3 de marzo o artista que pechará esta primeira edición do “HumOroso” será David Perdomo, a partir das 20.30 horas, e as entradas poderán retirarse o martes 28 de febreiro ás 20.00 horas. A recadación desta actuación entregarase á Asociación para a Loita contra as Enfermidades de Ril (Alcer Coruña).
“O HumOroso vén para quedar”
“A inauguración do auditorio permítenos programar actividades de maior nivel e con máis tirón, como este primeiro ciclo de monólogos e espectáculos de humor, que vén para quedar”, asegurou o alcalde, Luis Rey, que destacou ademais “o compoñente de solidariedade que o goberno local sumou a este ciclo, xa que a recadación de cada función doarase na súa totalidade a colectivos que están a desenvolver un gran labor social nos seus respectivos ámbitos”.