Oroso e Frades comparten unha semana de convivencia na excursión á Costa da Luz e ao Algarve
A viaxe, organizada por Excursiones Miranda coa colaboración dos dous concellos, forma parte dunha programación que nos últimos tres anos sumou máis dunha decena de excursións e máis de 200 participantes.
O Concello de Oroso vén de facer balance positivo
dunha nova excursión á Costa da Luz e ao Algarve, celebrada a pasada semana e
organizada por Excursiones Miranda coa colaboración dos concellos de Oroso e
Frades.
Esta actividade forma parte dunha iniciativa que, ao longo dos últimos tres anos,
permitiu realizar máis dunha decena de excursións, nas que participaron máis de 200
viaxeiros, consolidándose como unha alternativa de lecer e convivencia que facilita
coñecer novos destinos e compartir experiencias entre a veciñanza.
A última viaxe levou aos participantes ata a Costa da Luz, en Andalucía, e o Algarve
portugués, nunha semana na que tiveron a oportunidade de descubrir novos lugares,
desfrutar da gastronomía e compartir diferentes actividades nun ambiente de
convivencia.
O alcalde de Oroso, Alex Doval, destacou que “estas excursións son moito máis que
unha oportunidade para viaxar. Permiten compartir experiencias, facer novas
amizades e ofrecer alternativas de lecer que teñen unha moi boa acollida entre a nosa
veciñanza”.
Doval puxo tamén en valor a continuidade da iniciativa, sinalando que “máis de 200
viaxeiros e máis dunha decena de excursións en tres anos demostran o interese que
espertan estas actividades. Desde o Concello queremos seguir colaborando con
propostas que fomenten a participación e a convivencia”.
Dende o Concello de Oroso trasladaron o seu agradecemento a Excursiones Miranda
pola organización destas viaxes, ao Concello de Frades pola colaboración e a todas as
persoas participantes, que contribuíron ao éxito das diferentes edicións.




