O Concello de Oroso abre a inscrición na novena edición da súa Carreira Pedestre, que terá o sábado 6 de maio

O Alcalde de Oroso, Luis Rey, o concelleiro de Deportes, Antonio Leira, e o presidente do Club Atletismo Tambre, David Senra

O Concello de Oroso abre o prazo de inscrición na novena edición da Carreira Pedestre “Concello de Oroso”, que terá lugar o sábado 6 de maio. Unha proba organizada polo Club Atletismo Tambre e o Concello de Oroso, en colaboración coa Deputación da Coruña, Supermercados Familia e a Federación Galega de Atletismo.

A presentación da proba, realizouse esta semana polo alcalde de Oroso, Luis Rey, o concelleiro de Deportes, Antonio Leira, e o presidente do Club Atletismo Tambre, David Senra.

Na carreira poderán participar todas as persoas que o desexen. As inscricións pódense formalizar ata o mércores 3 de maio nas páxinas web www.carreirasgalegas.com ou www.fgatletismo.es/santiago. As inscricións nas categorías escolares (ata a SUB 18) son totalmente de balde, mentres que na proba absoluta a cota de inscrición é de 5 euros. Non se admitirán anotacións fóra do prazo indicado nin o propio día da carreira.

As probas disputaranse na localidade de Sigüeiro. A saída e chegada de cada proba farase na rúa Camiño Inglés a carón da casa do Concello e o circuíto correspondente a cada categoría estará debidamente sinalizado. Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo, Delegación de Santiago de Compostela.

A entrega de dorsais realizarase nas oficinas do Centro Deportivo Municipal o venres 5 de maio de 16:00 a 22:00 horas (opción recomendable especialmente para participantes locais). O día da proba os dorsais recolleranse no Centro Cívico situado a carón da saída da proba. Haberá prazo límite de 30 minutos antes de cada proba correspondente.

Inscricións e máis información

Compartir: