Programa de Apoio Escolar do Concello de Oroso

Apoio Escolar

Dende a concellería de Servizos Sociais do Concello de Oroso, en colaboración cos centros de ensino CEIP Camiño Inglés e CEIP Sigüeiro, ponse en marcha o Programa de Apoio Escolar co obxectivo fundamental de favorecer a igualdade de oportunidades proporcionando ao alumnado que o precise o apoio necesario para previr o fracaso escolar, reforzando as aprendizaxes desenvolvidas nas aulas, e promocionando hábitos e actitudes positivas cara o estudo.

OBXECTIVOS:

  • Favorecer a igualdade de oportunidades proporcionando o apoio para a adquisición de habilidades que favorezan o rendemento escolar do alumnado
  • Previr o fracaso escolar
  • Promover hábitos e técnicas de estudo reforzando as aprendizaxes que se levan a cabo na escola
  • Apoiar ás familiar na educación dos seus fillos e fillas fóra do horario escolar
  • Implicar ás familias na educación do alumnado, nos procesos de ensinanza e aprendizaxe
  • Promover o intercambio e a integración social e cultural


ALUMNADO DESTINATARIO:
Alumnado de primaria, derivado polos equipos de orientación dos centros

TEMPORALIZACIÓN:
O programa terá lugar durante o curso escolar.

Desenvolverase nos espazos propios dos centros educativos, 1 día á semana, cunha duración de hora e media. Os luns no CEIP Camiño Inglés e os martes no CEIP Sigüeiro.

LABOR DO VOLUNTARIADO:
As sesións de apoio educativo serán desenvolvidas por persoas voluntarias pertencentes ao Programa de voluntariado do Concello de Oroso

COORDINACIÓN DO PROGRAMA E ACOMPAÑAMENTO SOCIOEDUCATIVO ÁS FAMILIAS:
A Educadora Social do Concello será a persoa responsable de coordinar o programa e por tanto da coordinación cos centros educativos.

O programa inclúe o acompañamento socioeducativo ás familias do alumnado. Este acompañamento será realizado pola Educadora Social do Concello dentro do Servizo de Educación e Apoio Familiar.

Compartir: