O Concello de Oroso pon en marcha a distribución de composteiros domésticos para fomentar a compostaxe

Composteiros que se repartirán entre a veciñanza

Dispoñibles para a veciñanza con solicitude previa
Anunciarase a data e lugar para a entrega dos composteiros
Iniciativa en colaboración con SOGAMA

O Concello de Oroso anuncia a posta en marcha dun novo programa de distribución de composteiros domésticos para os veciños do municipio, en colaboración con SOGAMA. Esta iniciativa ten como obxectivo promover o uso da compostaxe nas vivendas, contribuíndo así á xestión sostible dos residuos orgánicos e á protección do medio ambiente.

Os composteiros, que están dispoñibles en número limitado, poderán ser solicitados a través do rexistro do concello. Para iso, é imprescindible cubrir a solicitude e presentala nas oficinas municipais ou a través da sede electrónica. Unha vez recibidas as solicitudes, o concello anunciará a data e o lugar de entrega dos composteiros.

“A compostaxe é unha práctica sinxela e eficaz que non só nos axuda a reducir a cantidade de residuos que xeramos, senón que tamén permite aproveitar os restos orgánicos para mellorar os nosos solos. Desde o Concello de Oroso animamos a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa e a aproveitar esta oportunidade”, destacou Óscar Rodríguez, concelleiro de Medio Ambiente e Seguridade.

Esta actuación enmárcase dentro das políticas de sostibilidade do Concello de Oroso, en liña coa colaboración continua con SOGAMA para implementar proxectos que fomenten a reciclaxe, a redución de residuos e a conservación do medio natural.

Compartir: