O Concello de Oroso avanza nas melloras do Parque Empresarial de Sigüeiro cun investimento de 120.000€
Xa se encontran en execución das obras de pavimentación e substitución de canles a piques de rematar
Listo un novo proxecto de mellora do pavimento en rúas clave previsto para 2025
En vías de licitación outros proxectos de mellora viaria e eficiencia enerxética
O Concello de Oroso informa de que xa se atopan en execución as obras de mellora do pavimento na Avda. Álvaro Cunqueiro e na Rúa Mesía, a substitución da canle na Rúa Curros Enríquez, así como a execución dunha
nova beirarrúa na Avda. Álvaro Cunqueiro. Estas actuacións están enmarcadas no
Parque Empresarial de Sigüeiro e contan cun importe de adxudicación superior aos
120.000€, grazas á colaboración coa Consellería de Economía e Industria da Xunta de
Galicia. As previsións estiman que estas melloras estarán finalizadas ao longo da
próxima semana.
Estas accións forman parte dun plan máis amplo de desenvolvemento e mellora do
polígono, no que tamén se inclúe un proxecto para a mellora do pavimento na Rúa
Otero Pedrayo e Rúa Cerceda, que está previsto para 2025. Este proxecto, xa
redactado, atópase en fase de tramitación, pendente dos informes sectoriais
necesarios debido á afectación da zona por Augas de Galicia e Patrimonio Cultural.
O Concello de Oroso tamén anuncia que están en vías de licitación e adxudicación
outros proxectos que se realizarán nas seguintes áreas: a mellora da rede viaria en
Vilacide de Arriba (Oroso), no Franco (A Gándara) e no Cano (Trasmonte); a mellora
da rede viaria en Piñeirón (A Gándara), Arderís (Senra) e Bran (Os Ánxeles); a mellora
da rede viaria en Penateixa (A Gándara), A Baiuca, Castro e o Igrexiario (Senra), así
como en Cas e Casas (Os Ánxeles); ademais, está previsto un proxecto de mellora da
eficiencia enerxética en instalacións deportivas do municipio, unhas actuacións que
superan os 460.000€ de investimento por parte do concello.
Estas actuacións enmárcanse no compromiso do Concello de Oroso co
desenvolvemento sustentable e a mellora das infraestruturas en beneficio dos veciños.