Oroso participa no Congreso Ibérico “A Bicicleta e a Cidade” como referente en mobilidade sostible coa Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle

O alcalde, Alex Doval, durante a súa participación no Congreso Ibérico “A Bicicleta e a Cidade”

O Concello de Oroso participou esta mañá no Congreso Ibérico “A Bicicleta e a Cidade”, que se celebra en Santiago de Compostela, organizado pola coordinadora estatal ConBici. Este encontro, de ámbito internacional, reúne a especialistas, responsables políticos e representantes de colectivos sociais co obxectivo de debater sobre o papel da bicicleta nas cidades do futuro, así como sobre modelos de mobilidade máis sostibles e integradores.

O alcalde de Oroso, Álex Doval, foi un dos relatores convidados na mesa redonda titulada “Relatos breves de mobilidade: arquitectura, tren e cidade”, na que participou en representación da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, proxecto que tamén preside a través da Asociación de Concellos.

Durante a súa intervención, Doval destacou o proceso de transformación da antiga liña de tren nun espazo destinado á mobilidade sostible, ao lecer e á recuperación do patrimonio natural e industrial. “A Vía Verde é hoxe un proxecto consolidado que se converteu nun referente grazas ao traballo conxunto dos catro concellos implicados”, afirmou o rexedor.

Este proxecto, subliñou, exemplifica como a cooperación institucional pode ser unha ferramenta poderosa para conectar persoas, posta en valor do territorio e promoción dun modelo de desenvolvemento baseado na sostibilidade, o turismo activo e o respecto polo medio ambiente.

Con esta participación, o Concello de Oroso reafirma o seu compromiso coa mobilidade alternativa e co impulso de iniciativas que xeran oportunidades para o rural e fomentan hábitos de vida saudables.

Compartir: