Charo López Díaz, unha vida adicada á ensinanza, unha homenaxe de corazón

Charo López, xunto co alcalde de Oroso, Alex Doval, e a presidenta da AAVV Penateixa, Isabel Míguez
Alumnado da mestra Charo López
Veciños e veciñas durante a homenaxe a Charo López

Este sábado celebrouse na Gándara un emotivo acto de recoñecemento a Charo López Díaz, quen fora durante preto de 30 anos a mestra da escola unitaria da parroquia. A súa entrega, dedicación e cariño deixaron unha fonda pegada en xeracións de veciños e veciñas, que agora quixeron devolverlle parte do moito que ela lles deu.

O acto, promovido pola Asociación de Veciños Penateixa, culminou co descubrimento dunha placa que dá nome ao local social da Gándara, que dende agora pasa a chamarse Local Social Charo López Díaz.

Este xesto simbólico busca render homenaxe ao seu labor docente e á súa incansable dedicación á comunidade, recoñecendo así o papel fundamental que xogou na formación educativa e humana de tantas persoas.

A xornada estivo cargada de emocións e lembranzas, nun ambiente de reencontros no que non faltaron as palabras de afecto por parte de exalumnos e exalumnas que quixeron estar presentes para testemuñar o seu respecto, cariño e profunda gratitude.

Grazas, Charo, por ensinar, por coidar e por formar parte da historia viva da Gándara. O teu legado permanecerá para sempre na memoria desta parroquia.

Compartir: