Os concellos de Oroso, Ordes e Frades reclaman á Deputación a limpeza das vías provinciais

Estado actual das vías provinciais
Estado actual das vías provinciais

Os Concellos de Oroso, Ordes e Frades reclaman á Deputación da Coruña que se faga cargo do mantemento das vías provinciais e proceda de urxencia á limpeza da DP-3802 e a DP-3801. Así pois, os alcaldes dos tres municipios, Alexánder Doval, José Luis Martínez Sanjurjo e Roberto Rey respectivamente, denuncian especialmente o deficiente estado de limpeza da estrada DP-3802, dende Ordes ata Ponte Carreira, que atravesa as tres localidades. “É inconcibible que a estas alturas de agosto, tendo en conta o aumento dos desprazamentos viarios na época estival, a Deputación da Coruña aínda non procedera á limpeza destas estradas, algo que forma parte das súas competencias”, declara o rexedor orosán.

A maiores, Doval reclama tamén que o ente provincial cumpra co seu deber e limpe a DP-3801 ao seu paso por Oroso, en estado deficitario de mantemento. Neste sentido, salienta o estado da senda desta vía, que xa foi rozada con medios municipais en xuño ante a inacción da Deputación da Coruña, pese a non ser competencia do Concello.

Asemade, o rexedor lamenta o estado da senda de Senra, tamén de competencia provincial. Neste caso, a Deputación si executou unha roza con tractor, pero “non tocaron os sinais nin varandas, foi un traballo a medias, nin a roza manual da propia senda”, anota Doval.

Dende os Concellos de Oroso, Ordes e Frades alertan de que a falta de mantemento supón un perigo para a cidadanía e a mobilidade, xa que a visibilidade vese reducida por mor da vexetación descontrolada. “O correcto mantemento das vías é a mellor prevención para evitar accidentes e a Deputación da Coruña está poñendo en perigo aos condutores e condutoras coa súa inacción”, finalizan os rexedores dos tres municipios.

Compartir: