Mateo Rosende, Subcampión de España Benxamín de Pitch & Putt 2025: talento e futuro do golf galego
O deporte de Oroso está de celebración. O mozo golfista Mateo Rosende Reboredo, veciño de Deixebre, proclamouse Subcampión de España Benxamín no Campionato de España de Pitch & Putt, disputado o pasado 8 de agosto no espectacular percorrido de Barbanza Golf.
Con tan só uns poucos anos de experiencia competitiva, Mateo asinou dúas xornadas de gran regularidade e sangue fría, con tarxetas de 55 e 54 golpes, para un total de 109, quedando a tan só dous golpes do novo campión, o andaluz Gonzalo Bernal Suárez.
Este resultado confirma a excelente progresión do alumno da Escola Tambre Golf & Croquet, onde leva formándose e competindo con éxito en múltiples torneos a nivel galego. O 2025 está a ser, sen dúbida, un ano especial para el: ademais deste subcampionato, tamén logrou clasificarse para o Campionato de España de Golf celebrado en Cádiz, onde acadou outro resultado destacado que o sitúa entre as grandes promesas do golf infantil en España.
O Pitch & Putt, unha modalidade derivada do golf tradicional que se xoga en percorridos máis curtos e con maior énfase no xogo curto e a precisión, esixe unha combinación de técnica depurada e fortaleza mental. Mateo demostrou en Barbanza Golf que posúe ambas, mantendo a concentración en cada burato e xestionando a presión propia dunha cita estatal.
Dende o Concello de Oroso e a comunidade deportiva local, xa lle fixeron chegar as súas felicitacións. “Parabéns Mateo! Eres un orgullo para Oroso e un exemplo de esforzo, disciplina e talento”, destacan os seus achegados.
Con este novo éxito, Mateo Rosende continúa construíndo unha traxectoria que promete moitas máis alegrías para o golf galego e para todos os que seguen de preto o seu progreso.


