O Concello de Oroso informa sobre a nova convocatoria do Bono Concilia Familia 2025
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade, vén de convocar unha nova edición do Bono Concilia Familia, unha axuda económica destinada a apoiar a conciliación das familias galegas con nenos e nenas de ata 13 anos.
A contía da axuda pode chegar ata os 500 euros por unidade familiar para a contratación de persoas cuidadoras no fogar, ou ata 200 euros por cada menor para actividades en campamentos, ludotecas e outros recursos autorizados.
As familias numerosas, monoparentais, de acollida, con menores con discapacidade ou vítimas de violencia de xénero poderán beneficiarse dunha cobertura de ata o 100 % dos gastos, mentres que para o resto dos casos a cobertura será do 75 %.
O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 7 de outubro de 2025 e a tramitación deberá realizarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As axudas concédense por orde de entrada das solicitudes ata esgotar o orzamento dispoñible.
Desde o Concello de Oroso animamos ás familias interesadas a presentar a súa solicitude canto antes e a aproveitar este recurso, que contribúe a facilitar a conciliación laboral e persoal e a mellorar o benestar da nosa veciñanza.


