O tenista de mesa, Sasha Malov, volve a consquistar Europa cunha medalla de prata

Sasha Malov nos Campionatos de Europa Sub13 de tenis de mesa en Kosta (Suecia)

Do 24 ao 28 de setembro disputáronse en Kosta (Suecia) os Campionatos de Europa Sub13 de tenis de mesa, unha das citas máis importantes do calendario continental para as promesas deste deporte.

O xogador de Oroso Sasha Malov representou á Selección Española e tivo unha actuación destacada participando nas probas por equipos e dobres, pero foi na competición individual onde acadou un resultado histórico proclamándose subcampión de Europa tras unha gran traxectoria ao longo do torneo.

Na final enfrontouse ao catalán Ladimir Mayorov que finalmente se fixo co ouro mentres que o terceiro posto foi para Marcos Gómez completando así un triplete histórico para o tenis de mesa español na categoría Sub13.

Este éxito súmase ao gran momento que vive Sasha Malov quen xa fora prata no Eurominichamps Sub11 en 2023 e que leva tempo acumulando bos resultados tanto a nivel estatal como internacional, participando en torneos como o WTT Youth Contender de Otočec ou o torneo internacional de Tunisia onde tamén chegou a finais.

A Federación Española de Tenis de Mesa destacou o seu papel como unha das grandes promesas do deporte, e recentemente foi incluído no ITTF Hopes Team, un programa da Federación Internacional que reúne aos talentos máis destacados do mundo.

O nome de Sasha Malov continúa a soar con forza no panorama europeo sendo xa un referente na súa idade e un orgullo para Oroso, Galicia e España.

Noraboa Sasha por este novo éxito que recoñece o teu talento, traballo e capacidade de superación.

Compartir: