Oroso saca a licitación a mellora da maioría das rúas de Sigüeiro cun investimento de preto de 300.000 €

O alcalde Álex Doval, xunto co concelleiro de obras, Carlos Fernández, durante o estudo do proxecto de mellora da rede viaria en Sigüeiro

O proxecto permitirá renovar o firme en máis dunha quincena de rúas do núcleo urbano e mellorar tamén dous aparcadoiros municipais

O Concello de Oroso vén de sacar a licitación un novo proxecto de mellora da rede viaria en Sigüeiro que permitirá renovar o firme dunha ampla relación de rúas do núcleo urbano cun investimento total cercano aos 300.000€.

A actuación permitirá actuar na maioría das rúas de Sigüeiro, mellorando o estado do firme e reforzando a seguridade e comodidade para a circulación de vehículos e peóns. O proxecto contempla a renovación da capa de rodaxe e a posterior sinalización horizontal nas distintas vías incluídas.

Entre as rúas nas que se actuará destacan rúa do Portiño, Rosalía de Castro, Onda, Carracide, Travesa, do Medio, Mediodía, Camiño Inglés, da Cultura, Pablo Iglesias, do Concello, Lengüelle, do Deporte, Castaños e do Tambre, ademais de melloras no ramal da rúa Río Maruzo e a rúa María Casares, na Urbanización Porto Avieira.

O proxecto inclúe tamén a mellora de distintos espazos vinculados á mobilidade e ao estacionamento, como o aparcadoiro do Centro Cívico e o aparcadoiro da rúa Tosca, así como actuacións puntuais en accesos e conexións viarias.

Esta actuación permitirá renovar unha superficie moi significativa da rede viaria do núcleo urbano de Sigüeiro, dando resposta ao desgaste acumulado en distintas rúas e mellorando o estado xeral das infraestruturas municipais.

O prazo de execución previsto para as obras será de seis meses, unha vez adxudicados os traballos e iniciadas as actuacións previsiblemente no verán. O prazo de presentación de ofertas remata o próximo 20 de marzo.

Con este novo investimento, o Concello de Oroso continúa avanzando no seu plan de mellora das infraestruturas municipais e no mantemento da rede viaria, unha das demandas máis recorrentes da veciñanza e fundamental para o funcionamento diario do núcleo urbano.

Compartir: