O Concello de Oroso lembra a obrigatoriedade de limpar as parcelas antes do 31 de maio
O Concello de Oroso fai un chamamento á responsabilidade da veciñanza para cumprir coa normativa vixente en materia de prevención de incendios forestais, lembrando a obrigatoriedade de manter as parcelas en condicións axeitadas de limpeza e seguridade.
Esta obriga está recollida na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que establece medidas específicas para reducir o risco de lumes e protexer tanto ás persoas como aos bens e ao medio natural.
Neste sentido, as persoas titulares ou responsables de parcelas deberán realizar os traballos de limpeza antes do 31 de maio, unha data clave dentro do calendario de prevención.
Faixas de protección obrigatorias
A normativa establece a necesidade de manter libre de biomasa vexetal unha franxa de seguridade de 50 metros arredor de:
- Solo urbano, de núcleo rural e urbanizable
- Vivendas e edificacións illadas
- Urbanizacións
- Instalacións sensibles
- Zonas industriais e depósitos
Dentro desta franxa, non está permitida a presenza de determinadas especies vexetais consideradas de alto risco pola súa inflamabilidade, como eucaliptos, piñeiros, acacias, mimosas, toxo ou fieitas.
Consulta de parcelas afectadas
Para facilitar o cumprimento desta obriga, a cidadanía pode consultar as parcelas afectadas e as faixas de protección a través do visor oficial habilitado pola Xunta de Galicia:
Unha responsabilidade compartida
A limpeza e mantemento das parcelas é unha medida fundamental para a prevención de incendios forestais, especialmente nos meses de maior risco. Estas actuacións contribúen non só a reducir a propagación do lume, senón tamén a garantir a seguridade das persoas, das vivendas e da contorna.
Desde o Concello de Oroso insístese na importancia da colaboración cidadá para manter o territorio en condicións seguras e evitar situacións de risco innecesarias.
Para máis información ou aclaracións, as persoas interesadas poden dirixirse ao Concello de Oroso, onde se lles ofrecerá asesoramento sobre as obrigas e actuacións a realizar.


