Oroso goza dunha tarde de cultura e tradición con “Inter Ritmos: Raíces Vivas”
Oroso viviu na tarde do venres unha xornada moi especial coa celebración de “Inter Ritmos: Raíces Vivas”, un evento que reuniu música, baile e tradición nun encontro único no que se fusionaron a cultura galega e o flamenco, poñendo en valor as raíces que nos definen como pobo.
A actividade converteuse nun espazo de convivencia e intercambio cultural, no que o público asistente puido gozar dun espectáculo cheo de ritmo, emoción e identidade, destacando o talento dos grupos participantes e a riqueza das nosas expresións artísticas.
Desde o Concello de Oroso queremos expresar o noso agradecemento á Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes e ao conxunto de entidades colaboradoras por facer posible esta iniciativa, que contribúe a dinamizar o territorio, promover a cultura e xerar novas oportunidades para o talento local.
Un recoñecemento especial tamén para os grupos folclóricos do municipio —Argalleiros, Néboas no Cumio, Lembranzas do Tambre e Agrupación Folclórica Buxos Verdes— que, unha vez máis, demostraron o seu compromiso coa conservación e difusión da cultura tradicional galega, ofrecendo actuacións de gran calidade que foron moi aplaudidas polo público.
O labor destes colectivos resulta fundamental para manter vivas as nosas tradicións e transmitilas ás novas xeracións, garantindo así a continuidade dun patrimonio cultural que forma parte da nosa identidade.
Desde o Concello reafirmamos a nosa aposta por unha programación cultural diversa e de calidade, pensada para todos os públicos e orientada a seguir facendo de Oroso un referente na dinamización cultural da contorna.



