Oroso presenta a XXVIII Festa da Troita, tres días de tradición, música e gastronomía en Sigüeiro
O Concello de Oroso vén de presentar oficialmente a XXVIII edición da Festa da Troita, unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo local, que se celebrará en Sigüeiro os días 8, 9 e 10 de maio.
No acto de presentación participaron o alcalde, Álex Doval, a concelleira de Cultura, María Requejo, e o concelleiro de Deportes, Carlos Fernández, quen destacaron a importancia desta festa como referente cultural, turístico e económico para o municipio.
Durante tres días, Oroso converterase nun punto de encontro para veciñanza e visitantes, cun completo programa que combina tradición, gastronomía, deporte e música en directo.
Un programa para todos os públicos
A festa arrancará o venres 8 de maio cos tradicionais cantos de taberna e actuacións de agrupacións culturais Amigos do Acordeón e Néboas do Cúmio, dando paso ao Festival de Oroso en Vivo, no que destacan propostas musicais como Panorama City, Disco Impacto e DJ Bermúdez.
O sábado 9 será unha xornada marcada pola actividade durante todo o día, co campionato de pesca para adultos, xogos en familia e animación musical a cargo da charanga "Os Atrevidos", agrupacións locais de Lembranzas do Tambre e a Banda de Música de Arzúa. Pola noite, a música continuará co Festival de Oroso en Vivo e a actuación da recoñecida Orquesta Olympus e Los Satélites, garantindo un gran ambiente festivo.
O domingo 10 estará especialmente dedicado ao público familiar, co campionato de pesca infantil, xogos e actividades para todas as idades, así como a participación de colectivos culturais do municipio Argalleiros e Buxos Verdes. Un dos momentos máis destacados será a degustación popular de troita e o pregón, que nesta edición correrá a cargo do alumnado do IES de Oroso. A xornada rematará coa entrega de premios e unha sesión vermú amenizada polo grupo The Voice.
Ademais, ao longo do día haberá animación musical con charangas, DJs en diferentes puntos da vila e, como peche final, a actuación de Xuntos pola Música e da Orquesta Marbella.
Tradición, gastronomía e identidade
A Festa da Troita é unha celebración profundamente ligada á identidade de Oroso, que pon en valor a riqueza natural dos seus ríos e a tradición pesqueira da zona. A degustación deste produto estrela, xunto co ambiente festivo e a implicación do tecido asociativo local, converten esta cita nun evento único.
Desde o Concello sublíñase tamén o papel fundamental das asociacións culturais e deportivas, así como da veciñanza, na consolidación dunha festa que cada ano medra en participación e proxección.
O Concello de Oroso anima a toda a cidadanía e visitantes a achegarse a Sigüeiro para desfrutar dunha fin de semana chea de actividade, música e tradición.
Tres días para vivir Oroso, compartir cultura e celebrar unha das festas máis queridas do municipio. Non faltes!


