O Parque do Carboeiro acollerá o V Mini BTT Concello de Oroso o próximo 24 de maio
O Concello de Oroso e o club Oroso C.C. animan a toda a veciñanza a participar e desfrutar dunha nova edición do V Mini BTT Concello de Oroso, unha cita deportiva xa consolidada no calendario do ciclismo base galego.
A proba celebrarase o vindeiro domingo 24 de maio de 2026, a partir das 10:00 horas, no Parque do Carboeiro, un espazo natural privilexiado do municipio que volverá converterse no escenario perfecto para vivir unha xornada de deporte, convivencia e diversión en familia.
O evento está pensado especialmente para as categorías de base e reunirá a numerosos rapaces e rapazas afeccionados á bicicleta de montaña, promovendo hábitos saudables, o deporte ao aire libre e os valores do compañeirismo e da superación.
A competición forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Ciclismo e contará con diferentes categorías adaptadas ás idades participantes: promesas, principiantes, benxamíns e alevíns, tanto masculinas como femininas.
As inscricións poden realizarse a través da páxina oficial da Federación Galega de Ciclismo: fgalegaciclismo.es.
Para máis información, podes consultar a web da federación ou a web do Concello de Oroso, tamén están dispoñibles os teléfonos 639 158 750 e 616 274 094.
Desde o Concello de Oroso anímase a participantes, familias e afeccionados ao ciclismo a formar parte desta festa deportiva e a desfrutar dunha mañá de deporte e natureza no Parque do Carboeiro.


