Oroso incorpora unha nova sede da Escola de Porteiros Nordés e amplía a súa oferta deportiva

O alcalde de Oroso, Álex Doval, e o concelleiro de deportes, Carlos Fernández, xunto directivos da Escola de Porteiros Nordés, durante a presentación

O Concello de Oroso continúa reforzando a súa aposta polo deporte base coa incorporación dunha nova disciplina á programación deportiva municipal. A partir da próxima tempada, o municipio contará cunha nova sede da Escola de Porteiros Nordés, un proxecto especializado na formación específica de porteiros e porteiras de fútbol que suma máis de dezaseis anos de experiencia no desenvolvemento desta modalidade de adestramento.

A escola desenvolverá a súa actividade en Oroso con sesións semanais os martes pola tarde, ofrecendo un modelo de traballo personalizado baseado en grupos reducidos de ata seis participantes, o que permite adaptar os adestramentos ás necesidades individuais de cada deportista e favorecer unha evolución técnica e táctica máis completa.

A formación estará impartida por persoal titulado e con ampla experiencia no adestramento específico da posición de porteiro, unha das máis esixentes e especializadas dentro do fútbol. As sesións abordarán aspectos como a técnica de blocaxe, os desprazamentos, o xogo aéreo, os reflexos, o posicionamento, o xogo cos pés, a toma de decisións e a preparación física adaptada a cada idade.

A Escola de Porteiros Nordés conta actualmente con sedes en diferentes municipios galegos, entre eles Cacheiras (Teo), Outes, Oleiros e Coristanco, consolidándose como un proxecto de referencia na formación específica de gardametas e colaborando habitualmente con clubs e escolas deportivas de toda Galicia.

A apertura desta nova sede permitirá que os mozos e mozas de Oroso e da contorna poidan acceder a unha formación especializada sen necesidade de realizar longos desprazamentos, ampliando así as posibilidades de perfeccionamento deportivo dentro do propio municipio.

O prazo de inscrición permanecerá aberto durante todo o mes de agosto, sendo as prazas limitadas para garantir a calidade do adestramento. Ademais, as persoas empadroadas en Oroso poderán beneficiarse dun desconto na matrícula.

Desde o Concello de Oroso destácase que a chegada desta nova escola supón un paso máis na diversificación da oferta deportiva municipal, complementando o importante traballo que desenvolven os clubs e entidades deportivas do concello e ofrecendo novas oportunidades de formación para a infancia e a mocidade.

Nos últimos anos, Oroso consolidouse como un municipio comprometido co deporte base, promovendo a práctica deportiva desde idades temperás e facilitando a implantación de novas disciplinas e proxectos formativos que contribúen ao desenvolvemento persoal e deportivo da súa veciñanza.

As persoas interesadas en obter máis información ou formalizar a súa inscrición poderán facelo durante todo o mes de agosto a través das canles oficiais da Escola de Porteiros Nordés.

Con esta incorporación, Oroso continúa medrando como un referente deportivo na comarca, ampliando a súa oferta de actividades e apostando por unha formación cada vez máis especializada e de maior calidade para os seus deportistas.

Compartir: