Oroso prepárase para vivir hoxe o eclipse total de Sol, un fenómeno astronómico excepcional

Eclipse solar

Oroso poderá desfrutar ao longo da tarde-noite de hoxe, 12 de agosto, dun dos fenómenos astronómicos máis extraordinarios das últimas décadas: un eclipse total de Sol, que será visible desde boa parte do norte da Península Ibérica e que converterá Galicia nun dos lugares privilexiados para a súa observación.

Trátase do primeiro eclipse total de Sol visible desde a Península Ibérica en máis dun século. O fenómeno forma parte do denominado Trío de Eclipses 2026-2027-2028, unha sucesión excepcional que situará España no centro da atención astronómica durante tres anos consecutivos. O seguinte eclipse solar total visible desde España terá lugar o 2 de agosto de 2027, mentres que o 26 de xaneiro de 2028 producirase un eclipse anular.

Un fenómeno especialmente espectacular desde Oroso

O eclipse comezará a ser visible desde Galicia pouco despois das 19:30 horas. Segundo os datos astronómicos dispoñibles para Sigüeiro, o eclipse parcial comezará aproximadamente ás 19:31 h, mentres que a fase de totalidade terá lugar arredor das 20:29 h, momento no que a Lúa cubrirá completamente o disco solar durante uns segundos. O fenómeno continuará ata aproximadamente as 21:22 h, xa moi próximo ao ocaso.

A situación do Sol será un dos elementos que fará especialmente singular a observación en Galicia. O eclipse producirase ao final da tarde e o Sol estará relativamente baixo sobre o horizonte, polo que será fundamental escoller un lugar con boa visibilidade cara ao oeste e sen obstáculos, como edificios, árbores ou outros elementos que poidan dificultar a observación.

O Instituto Xeográfico Nacional destaca precisamente que, ao situarse o eclipse preto do horizonte, será recomendable buscar puntos desde os que exista unha boa panorámica cara ao oeste.

Máxima precaución para observar o eclipse

Dende o Concello de Oroso e Protección Civil Oroso lémbrase á veciñanza que a observación do Sol debe realizarse sempre utilizando os medios de protección adecuados.

Para mirar directamente ao Sol é imprescindible utilizar gafas ou visores solares específicos que cumpran a norma internacional ISO 12312-2:2015 e que estean en perfecto estado. O Ministerio de Ciencia advirte ademais de que deben contar cun marcado CE auténtico, así como coa identificación do fabricante e as correspondentes instrucións e advertencias de seguridade.

Non son seguros:
As gafas de sol convencionais, por moi escuras que sexan.
Radiografías.
Cristais afumados ou escurecidos.
Filtros caseiros ou improvisados.
Calquera outro sistema que non estea especificamente deseñado e certificado para a observación solar.

Tampouco se debe mirar directamente ao Sol a través de cámaras fotográficas, teléfonos móbiles, prismáticos ou telescopios se estes non dispoñen dun filtro solar adecuado colocado correctamente no obxectivo. O uso destes dispositivos sen a protección correspondente pode provocar danos tanto nos ollos como no propio equipamento.

Especial atención deberán prestar as familias con nenos e nenas, para evitar que observen o Sol directamente ou utilicen materiais que non sexan seguros.

Precaución tamén nos desprazamentos

O eclipse está a provocar un importante interese e espéranse numerosos desprazamentos cara ás zonas situadas dentro da franxa de totalidade. O Goberno de España estableceu un dispositivo especial de seguridade e mobilidade ante a previsión de concentracións de persoas e vehículos.

Por este motivo, recoméndase planificar con antelación calquera desprazamento e evitar as zonas nas que poidan producirse aglomeracións ou retencións.

No caso de observar o eclipse desde o vehículo, nunca se debe mirar ao Sol mentres se conduce. Así mesmo, recoméndase non estacionar en lugares que poidan dificultar o paso de vehículos de emerxencia ou o acceso dos servizos de Protección Civil.

Ao producirse en pleno verán, as autoridades lembran tamén a necesidade de extremar as precaucións para evitar incendios, especialmente en zonas naturais ou con vexetación.

Información oficial nas webs

O Goberno de España habilitou a web oficial Trío de Eclipses, creada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), onde se pode consultar información científica e práctica sobre o fenómeno, mapas de visibilidade, recomendacións de seguridade e indicacións para planificar os desprazamentos.
O portal tamén dispón dun visor web móbil que permite coñecer a posición do Sol e localizar os puntos desde os que se poderá observar o eclipse sen obstáculos.

Pola súa parte, a Xunta de Galicia tamén puxo en marcha un portal específico sobre o eclipse: , con información de interese para a cidadanía galega, recomendacións e recursos para seguir o fenómeno con seguridade.

Dende o Concello de Oroso animamos á veciñanza a desfrutar deste acontecemento astronómico excepcional, pero facéndoo sempre con responsabilidade e seguindo as recomendacións das autoridades e dos organismos científicos.

Hoxe, 12 de agosto, mira ao ceo e vive un momento histórico… pero sempre con seguridade.

Compartir: