Oroso presenta o cartel do Psicotroita 2026, que reunirá en Sigüeiro música galega e propostas internacionais

Manuele Caamagno, organizador do Festival; Marcos Gómez, comisario do Xacobeo 2027, Álex Doval, alcalde de Oroso e María Requejo, concelleira de Cultura

O festival celebrará a súa undécima edición os días 26 e 27 de setembro no Paseo do Carboeiro, cunha programación que combina rock, punk, garage, surf, psicodelia e outras propostas da música popular contemporánea

O Paseo do Carboeiro, en Sigüeiro, foi este mércores o escenario escollido para presentar oficialmente o Psicotroita 2026, unha nova edición dun festival que, ano tras ano, se foi consolidando como unha das citas musicais máis singulares da programación cultural de Oroso.

A undécima edición do Psicotroita celebrarase os días 26 e 27 de setembro na Área Recreativa do Paseo do Carboeiro, cunha programación que volverá apostar pola diversidade de estilos e pola presenza de formacións galegas, estatais e internacionais.

Na presentación participou Marcos Gómez, comisario do Xacobeo 2027, quen quixo acompañar a Manuele Caamagno, organizador do Festival, o alcalde de Oroso, Álex Doval, e a concelleira de Cultura, María Requejo.
Gómez destacou precisamente a personalidade propia do festival e a súa capacidade para construír unha experiencia arredor da música, da festa e do encontro entre o público e os artistas, salientando a importancia de propostas que achegan diversidade ao panorama musical galego.

Dous días de música no Paseo do Carboeiro

O Psicotroita volverá transformar o Paseo do Carboeiro nun gran espazo para a música ao aire libre, aproveitando unha contorna natural privilexiada que forma parte da identidade do festival.

O cartel desta edición reúne propostas moi diferentes entre si, pero cun denominador común: a personalidade e a aposta por estilos afastados das fórmulas máis previsibles. Rock de guitarras, punk, garage, power pop, surf, psicodelia, cumbia e música popular contemporánea convivirán durante dúas xornadas en Sigüeiro.

A programación do sábado 26 de setembro, xornada principal do festival, contará con:



Entre as propostas destaca Mujeres, banda barcelonesa de rock de guitarras, así como Familia Caamagno, formación de Sigüeiro que presentará o seu traballo Disco Comarcal acompañada pola Orquestra do Quince. A xornada tamén contará coa presenza de Eel Men, procedentes do Reino Unido, e das formacións galegas Pladür, Rager e Orquesta Neverloura.

O domingo 27 chegará a tradicional sesión vermú expandida, con:

O músico arxentino Rolando Bruno, acompañado polo seu proxecto Grupo Arévalo, achegará a Sigüeiro a súa mestura de rock, cumbia e psicodelia, mentres que os cataláns Los Tiki Phantoms levarán ao escenario o seu particular universo de surf rock instrumental. A xornada completarase coa sesión de vinilos de Pídechas o Corpo.

Un festival que medra sen perder a súa identidade

O Psicotroita chega así á súa undécima edición, despois de consolidarse como unha proposta diferente dentro do calendario cultural da contorna de Santiago.

Unha das características que define o festival é precisamente a súa capacidade para combinar artistas galegos con formacións procedentes doutros puntos do Estado e do panorama internacional, creando cada ano un cartel cunha marcada personalidade. Nesta edición, a presenza de artistas procedentes de Galicia, Catalunya, Reino Unido e Arxentina reforza novamente esa vocación aberta e internacional.

Pero o Psicotroita é tamén unha experiencia ligada ao lugar no que se celebra. O Paseo do Carboeiro permite gozar dos concertos nun espazo natural, ao aire libre e á beira do río Tambre, nun ambiente pensado para compartir música, gastronomía, convivencia e festa.

A organización manterá tamén zonas para sentarse, comer e compartir a xornada, así como postos de comida con diferentes opcións, completando unha proposta que vai máis alá dos propios concertos.

Unha cita aberta a toda a veciñanza

O Concello de Oroso anima a veciñanza e ás persoas que visiten o municipio durante esa fin de semana a achegarse ao Paseo do Carboeiro os días 26 e 27 de setembro para desfrutar dunha nova edición dun festival que forma xa parte da identidade cultural de Sigüeiro.

A entrada será gratuíta, polo que o Psicotroita volverá ofrecer dous días de música en directo nunha contorna única e cun cartel pensado para diferentes públicos e sensibilidades musicais.
Agardámosvos no Psicotroita 2026!

Compartir: