O Pleno de Oroso aproba preto de 500.000 euros en seis novas actuacións a través do POS+ complementario 2026

Pleno do Concello de Oroso

O Pleno do Concello de Oroso aprobou na súa última sesión a relación de actuacións que se incorporarán ao POS+ Complementario 2026, cun investimento global de preto de 500.000 euros e intervencións distribuídas por diferentes parroquias do municipio.

A proposta municipal inclúe seis actuacións, que permitirán continuar avanzando na mellora das infraestruturas municipais e levar novos investimentos aos diferentes núcleos do rural de Oroso.

As actuacións previstas localizaranse no Castro, na parroquia de Marzoa; Falmega, na Gándara; San Román de Abaixo, en Pasarelos; Couso, A Torre e Arderís, na parroquia de Senra; Vilarelle, en San Tomé; e na Estación de Oroso que conecta co Portiño en Sigüeiro.

O alcalde de Oroso, Alex Doval, destacou que “falamos de preto de medio millón de euros que queremos traducir en actuacións concretas e repartidas polo territorio, atendendo necesidades reais das nosas parroquias e continuando coa mellora das infraestruturas municipais”.

Doval incidiu en que “unha das prioridades deste goberno é que os investimentos cheguen tamén aos núcleos rurais. Con esta proposta incorporamos actuacións en seis ámbitos diferentes e seguimos avanzando parroquia a parroquia”.

A aprobación plenaria permite incorporar estes proxectos ao POS+ Complementario 2026, dentro da planificación municipal de investimentos para os próximos meses.

Compartir: