Turismo

O Camiño Inglés

Camiño Inglés

Na provincia da Coruña, a importancia e antigüidade da ruta denominada «inglesa» vén demostrada pola existencia dunha serie de institucións que medraron considerablemente a partir do século XII, favorecidas polo comercio internacional terrestre e marítimo. Estas institucións que se atopan ó fongo da ruta son unhas de carácter benéfico, como hospitais, lazaretos, pontes ou pousadas, e outras cun eminente carácter de protección, como a orde militar dos Templarios, sen esquecer que os conventos de monxes estiveron tamén vencellados ó fenómeno do descubrimento ou invención do sepulcro do apóstolo Santiago. Esta frecuentada ruta cara a Santiago, máis curta e práctica para os que, procedentes do norte e oeste de Europa, chegaban ós seguros portos de Galicia por vía marítima, consta de dous tramos: un que saía ó principio do Burgo de Faro e máis tarde da Coruña; outro que tiña o seu comezo en Neda ou Ferrol e que coincidían, segundo algúns testemuños en Bruma e segundo outros na capela de San Roque das Travesas, para continuar por un mesmo itinerario ata chegar a Compostela. Aínda que o Camiño Inglés non tivo a importancia do seu «rival» francés, non debemos esquecer que deu lugar a un numeroso fluxo de peregrinos.

Os tramos do Camiño Inglés

O Concello de Oroso, consciente da importancia do entorno natural do Camiño Inglés e dos seus atractivos tanto para visitantes como veciños, pon a disposición a páxina web www.ocaminoingles.gal para que poidan coñecer cada un dos seus tramos, onde aloxarse, comer, etc o seu paso por Oroso.

Usuarios ilustres do Camiño Inglés

O primeiro peregrino escandinavo a Galicia seica foi o rei noruegués Sirgud, no 1108, e o primeiro anglosaxón parece que foi o que despois sería San Godric, na primeira década do século XI. As cruzadas medievais van dar lugar á chegada á Coruña dun gran número de peregrinos. Durante a terceira cruzada, no 1189, sesenta navíos dinamarqueses tardaron dez días en chegar desde Inglaterra á Coruña. Na quinta cruzada chegaron no 1217 ó porto da Coruña 350 barcos con cruzados holandeses, xermanos, frisóns, flamengos e noruegueses,e todos dunha vez. Nun día e nunha noite foron a Santiago. Estiveron na Coruña nove días. Impacientes, moitos ergueron áncoras antes de se calmaren os ventos e naufragaron en distintos puntos da costa galega. Cando se volveron xuntar en Lisboa para intervir na reconquista portuguesa xa morrera un terzo. No 1386, no marco da Guerra dos Cen Anos, o Duque de Lancaster fixo unha visita guerreira a Compostela. Tardou cinco días en facer a travesía desde Brest á Coruña. Cando uns cabaleiros peregrinos franceses que estaban en Compostela se decataron, montaron a cabalo e chegaron aquela mesma noite, pero non puideron evitar que o Duque, co seu exército, chegase ás portas de Compostela, da que lle foron entregadas as súas chaves.
A finais do século XIV a romaría marítima medrara dun xeito notorio. No 1417 a escritora Margery Rompe, coñecedora tamén de Roma e de Xerusalén, empregou unha semana na viaxe de Bristol á Coruña e cinco días para o regreso. A narración de William Wey, mestre en Eton, da súa travesía á Coruña no 1456 é probablemente a maior contribución individual inglesa á historia das peregrinacións dende as illas británicas. No relato conta, entre outros aspectos, os seus tres días na Coruña; narra, por exemplo, como ouviu predicar en inglés un bacharel desa mesma nacionalidade na igrexa dos franciscanos da Coruña. Ademais dos ingleses, os alemáns tamén foron moi asiduos do porto coruñés, sirva como exemplo que no ano 1473 partiron de Hamburgo catro navíos en dirección á Coruña. O bispo armenio Mártir de Arzendjan fixo unha peregrinaxe a Roma en 1489, achegándose despois a Santiago. Tamén membros da familia real española fixeron peregrinación a Compostela usando o porto coruñés. Carlos I, en 1520, embarcou desde o porto coruñés para ser coroado emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico. Tamén Filipe II fixo desde A Coruña a viaxe por mar para casar coa raíña María Tudor de Inglaterra en xuño de 1554. A Reforma protestante provocou a crise da ruta marítima, xa que os que máis a utilizaban (ingleses, escandinavos e xermanos do norte) foron os primeiros en adherirse ás novas ideas. O astrónomo veneciano Bartolomeu Fontana viaxou a Compostela no ano 1538, entrando en Galicia por Ribadeo e pasando polas rías de Ortigueira, Ferrol e Ares, na que se hospedou no hospital de Pontedeume, situado no medio da ponte, e da que dixo que «en todos os meus días nunca vin unha ponte de semellante lonxitude».
Tamén o futuro Cosme III de Médicis fixo unha viaxe a Compostela, aínda que, segundo contan, non quedou moi satisfeito dela. En 1609 viaxou a Compostela Xacobo de Sobieski, pai de Xoán III, rei de Polonia. Un valioso testemuño para o coñecemento do Camiño Real da Coruña a Santiago, e de Ferrol a Santiago, constitúeno as viaxes que fixo o Padre Martín Sarmiento no 1745 e 1754, do que nós nos servimos. No 1806 o conde e arqueólogo francés A. de Laborde deixou relatada a viaxe A Coruña–Santiago, marcando as distancias en leguas; afirma que o camiño é moi fermoso. No século XIX houbo un rexurdir das peregrinacións, o que ten moito que ver co espírito emprendedor de Thomas Cook: foi el quen fixo a primeira expedición organizada a Terra Santa no 1867. Hoxe en día a peregrinación acadou un impulso espectacular que ten moito que ver coa idea da viaxe, o espazo e o tempo para a meditación, para a conversa cos outros e, sobre todo, cun mesmo

Vía Verde "Compostela-Tambre-Lengüelle"

Vía Verde

A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle é a máis longa de Galicia. Descorre por 26,67 km da antiga vía do tren na provincia de A Coruña entre Oroso e Cerceda. A Deputación da Coruña xunto cos concellos de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda conseguiron facer realidade esta vía verde, unha das rutas que xa se está a conveter nun dos itinerario de referencia en Galicia e unha posibilidade para ampliar a oferta turística do Camiño de Santiago cando se amplíe e se abra o segundo tramo ata Santiago de Compostela.

distancia: 22,67 kmSendeiristas e Ciclistas

Arquitecturaestacións de tren, apeadeiros, pontes, túneis, pasos inferiores e superiores

EquipamentoMerendeiros, aparcabicis, fontes, parques infantís, miradores, ...


Iniciamos o percorrido da vía verde, apta para sendeiristas e ciclistas de todas as idades, no tramo de Oroso, o primeiro da vía verde con algo máis de 7 km. Neste tramo atoparemos valiosas obras recuperadas e que lle dan un toque máxico o traxecto facendo a experiencia inolvidable. Trátase dun túnel de 207 metros e dun espectacular viaduto sobre o río Tambre. Próximamente o Concello de Oroso recuperará para poñer en valor a Estación de Vilacide en Oroso e a Estación de Garga en Trasmonte.
No tramo de Oroso tamén temos dispoñibles tres áreas de descanso, unha na estación de Vilacide, a do Rego da Pena en Oroso e outra na estación de Garga, estas dúas últimas con aparcabicis. Estas áreas de descanso son ideais para facer una parada e contemplar a fermosa paixase que rodea a vía verde.

O segundo tramo da ruta localízase no concello de Ordes, cun total de 8,3 km de vía verde, integrándose cun pequeno tramo de 300 metros a altura da estación da Pontraga, unha área xa rehabilitada polo Concello como área de descanso, merendeiro, parque infantíl e punto onde a parada é obrigatoria para contemplar a fermosa Estación de Ordes, na cal se conservan varios elementos do antigo ferrocarril.

Avanzando pola vía verde chegaremos ata o terceiro tramo da ruta, o de Tordoia e Cerceda. Un trazado cun total de 8,4 km da antiga vía e onde teremos varias áreas de descanso como o apeadeiro de Gorgullos ou a estación de Queixas.

Todo o percorrido da ruta, con pavimento de xabre e arxila, sen apenas pendentes, permite realizar un cómodo paseo entre a vexetación que rodea a senda e acompañar o río Lengüelle na maioria do seu percorrido. Un paseo ideal para as familias, con numerosas áreas de descanso para para poder percorrelo ao ritmo dos máis novos, ou porque non, para os máis maiores facendoo dun xeito tranquilo e sosegado, sen présas e sen o balbordo da vida cotiá.
Un percorrido no que tamén se poden contemplar as obras que no seu día formaban a vía do ferrocarril Santiago-A Coruña, acompañar os cauces fluviais dos ríos Tambre, Lengüelle ou Cabrón, ou albiscar os embalses de Vilagudín, San Cosmade ou a Serra de Montemaior.

Finalmente - aínda sen acondicionar, pero xa en proxecto - o tramo de Santiago de Compostela ulminará no futuro a viaxe completa pola vía verde, entre o límite de Oroso e a cidade de Santiago, un tramo de algo máis de 10 km que comeza na Estación da Sionlla de Abaixo.
Nesta nova ruta tres túneis agardarán ó viaxeiro, o primeiro deles, o máis longos con 454 m, e tamén dúas pontes unha sobre o río Sionlla, de 110 metros de lonxitude, e outra de 40 metros de lonxitude sobre o río Tambre.


Descargar ruta en formato KML