Oroso celebra as I Xornadas da Saúde desde o día 24 para axudar á veciñanza a coidarse
En colaboración con TodoSaúde Clínica Integral, realizaranse catro probas de forma gratuíta ás persoas que se acheguen ao Centro Cultural: medición da tensión arterial, niveis de glucosa en sangue, niveis de colesterol e electrocardiograma
“Ademais de fomentar a práctica do deporte, o goberno local tamén se ocupa de promover hábitos de vida saudables”, salienta o alcalde, Luis Rey
O alcalde de Oroso, Luis Rey, a concelleira de Sanidade, Beatriz Rodeiro, e a directora de TodoSaúde Clínica Integral, Ángeles Saavedra, presentaron esta mañá as I Xornadas da Saúde que se celebrarán os días 24, 25 e 31 de xaneiro e 2 de febreiro coa finalidade de promover estilos de vida saudables e de axudar á veciñanza a coidarse.
Esta iniciativa do goberno orosán consiste en que calquera veciño/a maior de idade que o desexe poida acudir ao Centro Cultural (1o andar) na data correspondente para que os especialistas de TodoSaúde Clínica Integral lle realicen de forma totalmente gratuíta a proba médica fixada para ese día.
Así, o martes 24 de xaneiro está programada a realización de probas de medición da tensión arterial desde as 9.00 e as 11.00 horas e desde as 17.00 ás 19.00 horas. Ao día seguinte, o mércores 25, no mesmo horario, realizaranse probas para controlar os niveis de glucosa en sangue. Posteriormente, o martes 31 de xaneiro, de 10.00 a 12.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas, realizaranse análises dos niveis de colesterol e, por último, o o xoves 2 de febreiro, de 16.30 a 20.30 horas, realizaranse electrocardiogramas.
O alcalde, Luis Rey, destacou que estas xornadas están dirixidas a toda a poboación maior de idade e que calquera persoa interesada pode acudir a facerse as probas nas datas sinaladas e de forma totalmente gratuíta sen necesidade de cita previa. En todo caso, aquelas que desexen obter máis información poden chamar ao teléfono 981 69 14 78. “Ademais de fomentar a práctica do deporte, o goberno local tamén se ocupa de promover hábitos de vida saudables”, salientou o alcalde.